Lecturas Rebuldeiras. IES Monte das Moas

viernes, 8 de noviembre de 2024
Club de 1º ESO CDE
jueves, 13 de junio de 2024
VALORACIÓNS DO CLUB DE LECTURA EN LINGUA GALEGA
VALORACIÓNS SOBRE O CLUB DE LECTURA EN LINGUA GALEGA
Apunteime ao club de lectura porque me encanta ler e non hai mellor maneira de facelo que nun club coas miñas amigas e compañeiras.
O libro que máis me gustou foi O señor Ibrahim e as flores do Corán porque amosa unha historia de superación dun neno que non naceu na mellor familia, pero coa axuda dunha boa compañía, tivo un futuro mellor.
O roteiro sobre Luisa Villalta foi unha marabillosa experiencia literaria que demostra que ler é algo máis que un libro. Ler é unha forma de unir á xente.
Gabriela López Iglesias (1º Bach A)
Este ano o club de lectura foi das mellores actividades do curso. Encantáronme todos os libros que limos, especialmente no primeiro trimestre, cando o normal era que polo menos un non me gustase. Como actividade final fixemos un roteiro, coñecendo un pouco máis a obra de Luisa Villalta e vendo os lugares máis simbólicos nela; foi a mellor actividade do club.
Durante todo o ano coñecemos moitos autores e traballamos distintos xéneros. Foi sen dúbida o mellor ano no club de lectura, recoméndoo moito.
Ana María Polanco Ramos (1º Bach B)
Quería compartir contigo a miña experiencia deste ano no club de lectura, e a verdade é que só teño cousas positivas que dicir. Aprendemos moito e, ademais, foi moi divertido.
Gustáronme todos os libros que lemos, pero se tivera que escoller, destacaría un dos dous primeiros como o meu favorito, os poemarios de Carlos Negro, e o que menos me gustou foi a BD de Memorias dun neno labrego.
Sen dúbida, o que máis me encantou foi o roteiro onde descubrimos tantas cousas interesantes sobre Luísa Villalta.
Moitas grazas por implicarte tanto e facer desta experiencia algo tan especial.
Sofía Calderón Iglesias (1º Bach B)
Este ano participei no Club de Lectura, todas as obras foron moi interesantes pero as de Luísa Villalta foron as miñas favoritas, O Papagaio foi a máis impactante e encantoume descubrila. Recomendaría esta actividade porque adorei descubrir novos autores e poder ler cousas entretidas que non escollería pola miña conta.
Iria Tosar Porto (1º Bach C)
A min gustoume moito a club de lectura, xa que hai tempo engancheime por completo a ler, e gustoume ver as opinións doutros compañeiros (ademais da miña) sobre un libro que leramos todos. Non sabería dicir algo que non me gustara, a verdade. Penso que estivo ben organizado tendo en conta as outras obrigas escolares. Pero o que si teño claro, é a miña cousa favorita da experiencia e foi visitar a imprenta da avenida de Navarra durante o Roteiro de Luísa Villalta. Fíxome moita ilusión ver como traballaban os libros, ademais das diversas técnicas á antiga que nos ensinaron. Espero no próximo ano, ou cando poida, volver formar parte doutro club de lectura!!
Elisa Blanco Rodríguez (1º Bach B)
Foi unha gran experiencia, descubrín a poesía, un xénero que nunca me chamou a atención e que sen dúbida algunha seguirei lendo. A experiencia do roteiro foi moi interactiva e moi interesante, descubrín moitas cousas tanto da miña cidade como de Luísa Villalta.
Daniela Pita Naveira (1º Bach C)
A miña participación no Clube de Lectura foi moi enriquecedora, disfrutei moito das actividades, sobre todo do roteiro, aínda que non o tivese feito completo. Gustoume a poesía de Luisa Villalta, aínda que o libro que máis me gustou foi O señor Ibrahim e as flores do Corán.
Paula Rodeiro Iglesias (1º Bach C)
Este ano volvín participar no club de lectura e outro ano máis volveume encantar. Neste club de lectura descubrín novos autores e libros que me encantaron e que desfrutei moito. Tamén fixemos un roteiro, que foi a miña actividade favorita, da que máis aprendín e na que vimos moitos sitios. Recoméndolle a todo o mundo participar no club de lectura para gozar dunha actividade tan entretida.
Manuela Noya Silveira (1º Bach C)
O clube de lectura deste ano, ademais de ser o último ano ao que poderei asistir, foi unha grata sorpresa e moi diferente aos clubes doutros anos.
Unha novidade que agradecín foi que lemos sobre todo poesía e banda deseñada, o que foi moi práctico xa que podes lelo do tirón sen ter que parar porque o resto do grupo non le os capítulos que tocan.
Moi diferente do que esperaba e moi entretido ler libros máis curtos sen ser de narrativa permitiu ler unha maior cantidade de libros.
Ademais a excursión do roteiro agradeceuse!!
Mencía Bergondo García (1º Bach A)
O club de lectura deste ano estivo moi ben, as sesión mensuais axustábanse aos nosos horarios e os libros a ler foron adecuados. Unha das obras a destacar foi a versión cómic do libro Memorias dun neno labrego, tamén teño que recalcar o roteiro literario que foi unha gran experiencia e supuxo unha gran aprendizaxe sobre tanto a literatura galega coma da utilización das imprentas. Aínda que cos exames non se ten tanto tempo e podes non chegar a ler todo, o club é bastante flexible e recomendo a participación neste totalmente.
Carla García Soto 1º BACH A
viernes, 24 de mayo de 2024
CLUB DE LECTURA DE 2º ESO
Durante o terceiro trimestre escollemos unha obra de teatro traducida ó galego da gran escritora de suspense Agatha Christie, A rateira. Entre os primeiros hóspedes da mansión Monkswell, aislados por unha gran tormenta de neve, atópase un asasino. A intranquilidade e a desconfianza espállase entre eles. Quen descubrirá ó culpable? O gusto pola intriga e a maestría da autora na creación de atmósferas fixeron que léramos este relato policial axina.
Na última sesión visionamos e comentamos parte dunha das múltiples versións de esta representación teatral que podemos atopar na rede, como esta que escollemos de Morfeo Teatro.
CLUB LECTURA 4º ESO
O título escollido para o último trimestre, entre algunhas outras propostas foi
Como agua para chocolate, de Laura Esquivel. Esta magnífica novela do
Realismo máxico impresionou e gustou a partes iguais a todos os participantes: esa
historia de amor imposible, creada arredor das comidas que a súa protagonista iba
elaborando, sentindo, vivindo e transmitindo a todos os comensais, enmarcada noutro
país, noutra época e noutra cultura, con tradicións para eles incomprensibles na época
actual, nos os deixou indiferentes. Ao finalizar a lectura dedicamos unha sesión do luns
27 de maio ao mediodía ao visionado da película dirixida por Alfonso Arau en 1992.
Non defraudou.
lunes, 20 de mayo de 2024
ROTEIRO LITERARIO POLAS RÚAS CORUÑESAS DE LUÍSA VILLALTA
Na tarde de hoxe case todas as persoas participantes no Club de Lectura de 1º Bach participaron nun roteiro de case catro horas polas rúas, prazas e lugares coruñeses polos que transitou ou que poetizou a estupenda homenaxeda nas Letras Galegas 2024, Luísa Villalta.
Na última sesión do Club de Lectura repartíronse varios libros, poemarios e antoloxías poéticas da poesía dela para que durante o último mes puidesen intercambialos entre elas e poder coñecer, ler e mergullarse na poesía villaltiana.
As obras que lemos son estas que recollemos nas seguintes fotografías:
![]() |
Fronte á casa natal da escritora |
![]() |
Placa na Casa Natal de Luísa Villalta |
![]() |
Nos xardíns de Catro Camiños |
![]() |
No Papagaio |
miércoles, 8 de mayo de 2024
CLUB DE LECTURA 1º BACH: De Memorias dun neno labrego a Luísa Villalta

miércoles, 10 de abril de 2024
CLUB DE LECTURA 4º ESO. 2º TRIMESTRE
No segundo trimestre decidimos
ler un clásico deste mesmo subxénero: Asesinato en el Orient Express,
de Agatha Christie, maestra internacional do xénero policial. Trátase dun
referente universal e dun dos casos máis famosos do detective belga Hércules Poirot, e resultou moi entretido para o alumnado que practicaron as súas dotes
deductivas nas dúas primeiras sesións. Como colofón a esta segunda lectura,
adicamos a sesión do luns 8 de abril ao mediodía ao visionado da película homónima,
dirixida por Kenneth Branagh no 2017, sesión á que se sumaron tamén outros
alumnos que non formaron parte do club de lectura, pero que o solicitaron tras
os comentarios dos integrantes do club.
viernes, 22 de marzo de 2024
CLUB DE LECTURA 2º ESO
miércoles, 20 de marzo de 2024
CLUB DE LECTURA DE 1º ESO NO 2º TRIMESTRE
Neste 2º trimestre o club de lectura de 1º ESO B e C leron El robo del siglo de Ana Alonso.
Estas son algunhas das opinións dos participantes:
“É un libro divertido e imaxinativo; tal vez un pouco infantil, pero merece a pena”.
“É unha perna que sexa tan curto porque daba para máis”.
“É un bo libro para empezar con novelas de misterio”
“O final foi moi inesperado e, encantounos a última execución da historia”.
miércoles, 17 de enero de 2024
CLUB DE LECTURA EN GALEGO EN 1º BACH
Hoxe inaugurouse o Club de Lectura en galego para alumnado de 1º de Bacharelato. Intégrano 14 persoas e a mediadora é a profesora de Lingua Galega e Literatura, Ana Martínez.
Comezamos a nosa quenda de lecturas por poesía en galego da man do poeta Carlos Negro e os seus poemarios Masculino singular e Aplicación instantánea.
Os encontros para comentarmos as obras lidas serán no segundo recreo dos mércores e cunha periodicidade máis ou menos quincenal. Verémonos de novo o mércores 7 de febreiro para analizarmos a obra entre todas as persoas participantes e decidirmos as nosas próximas lecturas.
A seguinte obra proposta é O puño e a letra, compilación de poemas de Yolanda Castaño acompañados dunha banda deseñada que realizaron diferentes ilustrador@s e debuxant@s.
miércoles, 20 de diciembre de 2023
CLUB DE LECTURA DE 1º ESO
Neste 1º trimestre o club de lectura de 1º ESO B e C leron El asesinato de la profesora de lengua de
Jordi Serra i Fabra.
![]() |
Alumnado do Club de Lectura de 1º ESO |
Estas son algunhas das opinións dos lectores:
“O libro trata dunha profesora que está cansada das malas notas dos seus alumnos; ata que un día, á
profesora se lle ocorre facer unha tolemia.....”
“Ana, Gaspar, Tasio ademais doutros estudantes colaboradores tentarán evitar que a súa profe favorita
acabe o resto da súa vida nun manicomio ou no cárcere”.
“Encantounos o libro, é moi divertido, inesperado e adictivo”.
“Conta con moitas probas curiosas e interesantes”.
martes, 19 de diciembre de 2023
CLUB DE LECTURA DE 4º ESO
Un pequeno grupo de 4º da ESO,
participante no club de lectura de narrativa en castelán escolleu para o primeiro trimestre unha
novela contemporánea, La estrategia del agua, de Lorenzo Silva,
novela que nos permitiu afondar en moitos temas vixentes na actualidade (os
acertos e os erros do sistema xudicial, os vericuetos da moderna investigación
policial, as inxustizas que provocan as leis, os claroscuros das relacións persoais
e da natureza humana…), da man de dous gardas civís, o brigada Bevilacqua e a
sarxento Camorro. Esta novela foi lida e comentada con moito interés por todos
os participantes.
viernes, 15 de diciembre de 2023
CLUBS DE LECTURA DE 2º DE ESO
Durante o primeiro trimestre do curso os alumnos de 2º de ESO, reunidos en dous grupos, decidiron comezar por ler cómic e novela gráfica, motivados polo lema da Asesoría de BE para este ano: "Unha biblioteca en viñetas".
Así, o primeiro grupo escolleu un cómic en galego do sempre apetecible Goscinny, Astérix en Hispania.
O segundo grupo elexiu a novela gráfica en castelán de Ari Folman e David Polonsky: El diario de Anne Frank. A triste historia da familia Frank recluida nun almacén de Amsterdam desde xuño de 1942 ata agosto de 1944, data na que os seu membros foron descubertos, detidos e enviados a campos de concentración.
Gustounos moito a historia de Anne, a que coñecimos en profundidade e quedámosnos coas súas gañas de vivir, e tamén desfrutamos moito das viñetas, os debuxos e a interpretación gráfica dos autores.
miércoles, 28 de junio de 2023
CLUB DE LECTURA 1º ESO
Nesta ocasión o libro escollido polo alumnado de 1º ESO A e B foi El robo del siglo de Ana Alonso.
A desaparición do diamante no museo, onde foran de visita os protagonistas e os seus compañeiros de clase coa súa profe, e as posteriores pescudas para achar o culpable, fixo que gozasen moito coa súa lectura.
O valor da amizade, a colaboración e a inclusión son piares fundamentais nesta lectura.