En 1994 o escritor italiano
Antonio Tabucchi (Vecchiano, 1943) publicou a novela "Afirma Pereira"
(Anagrama, 1998), recoñecida como unha das grandes obras literarias do noso
tempo. A crítica destacou neste relato(ambientado en 1938, no Portugal da
tiranía salazarista) a reflexión sobre a liberdade e as ditaduras, o logrado e
carismático protagonista (un vello xornalista obsesionado coa morte) e aspectos
técnicos como "a eficacia do estilo, a perfecta arquitectura e esencial
economía da exposición" (Mario Vargas Llosa). O libro obtivo varios
premios, converteuse en éxito mundial e tivo unha axustada versión fílmica
(Roberto Faenza, 1996) protagonizada por un entrañable Marcello Mastroianni
pouco antes da súa morte.
Recordemos a trama. Pereira,
encargado da sección cultural dun vespertino oficialista, contrata ao mozo
Monteiro Rossi como axudante. Rossi e a súa noiva Marta son activistas de
esquerda, en campaña contra as ditaduras e o fascismo que ameazaban por entón
toda Europa. Indiferente a estes acontecementos, Pereira sente unha especial
simpatía pola parella e aos poucos vaise involucrando nas súas actividades,
primeiro apoiándoos economicamente e despois ocultando ao mozo (perseguido pola
policía) na súa propia casa. Ao final, Pereira denuncia no seu xornal os crimes
da ditadura.
Máis que contar esta historia ou
facer un retrato de época, Tabucchi enfoca a novela na evolución de Pereira, o
seu arrepentimento logo dunha vida de intelectual encerrado na súa torre de
marfil. Para plasmar este cambio, mostra detalladamente as ideas e emocións do
personaxe, así como a súa rutina diaria, desde a afección ás tortillas e
limonadas ata a costume de conversar co retrato da súa defunta esposa. Este
material tan persoal e subxectivo chéganos a través dun narrador peculiar,
aparentemente un policía ou amanuense xudicial que transcribe o testemuño do
protagonista, interrompéndoo reiteradamente coas palabras "Afirma Pereira
que...".
No hay comentarios:
Publicar un comentario