lunes, 20 de mayo de 2024

ROTEIRO LITERARIO POLAS RÚAS CORUÑESAS DE LUÍSA VILLALTA

Na tarde de hoxe case todas as persoas participantes no Club de Lectura de 1º Bach participaron nun roteiro de case catro horas polas rúas, prazas e lugares coruñeses polos que transitou ou que poetizou a estupenda homenaxeda nas Letras Galegas 2024, Luísa Villalta.

Na última sesión do Club de Lectura repartíronse varios libros, poemarios e antoloxías poéticas da poesía dela para que durante o último mes puidesen intercambialos entre elas e poder coñecer, ler e mergullarse na poesía villaltiana.

As obras que lemos son estas que recollemos nas seguintes fotografías:







Ás 16:30 xuntámonos en Catro Camiños para comezar o percorrido dirixíndonos á casa natal e na que a poeta tamén soñou, escribiu, compuxo e tristemente morreu tan nova en marzo de 2004. Fomos lendo poemas representativos da súa obra, especialmente do poemario En concreto que xa constitúe unha  homenaxe en forma de retrato poético da cidade herculina.

Fronte á casa natal da escritora


Placa na Casa Natal de Luísa Villalta


Nos xardíns de Catro Camiños


En cada parada: praza de Vigo, Xardíns de Méndez Núñez, Obelisco, na Dársena, na praza de María Pita ou no Campo de Marte foron lendo poemas como "Xardíns", "Palacio Municipal", "Ruínas,", "Solares,", os caligramas como "A Torre", "Obelisco" ou "Rañaceus," etc e outros pertencentes a outros poemarios que se intercalaban nas lecturas.

Unha parada moi especial constituíuna a do Papagaio, onde puideron recitar os poemas da solidariedade feminina con quen habitou e transitou por aquel barrio da prostitución de Monte Alto até ser derruído no 2001 na fervorosa especulación urbanística daqueles anos.

No Papagaio

Despois acudimos ao Campo de Marte onde lemos o poema "Asilos" para dar conta do testemuño poético que Luísa deixou daquela loita, tamén perdida contra a especulación, que culminou co derrubamento do edificio do asilo de anciáns de Adelaida Muro.

No Campo de Marte

Finalmente rematamos o roteiro moi pertiño do cemiterio de Santo Amaro, onde repousa agora Luísa Villalta e para remater lemos o poema "Nomes" que fai unha homenaxe a todos os barrios da cidade, así como un dos seus poemas dedicados á solidariedade co pobo palestino que aínda hoxe resulta de dolorosa actualidade.

A última visita foi moi especial. Acudimos ao taller de artes gráficas e imprenta manchea na rúa de Navarra onde tan amabelmente nos recibiron Laura e Tono quen nos contaron moitas cousas do seu oficio e puidemos ver a súa maquinaria industrial, como prensas da impresión tradicional que alí teñen...até en funcionamento!! E tamén papel feito de liño!!

Aquí vos deixamos unhas fotos da xornada tan entretida que rematou coa agradabilísima sorpresa que nos tiñan preparada Laura e Tono que nos deixaron imprimir uns marcapáxinas ben fermosos. Ler, que pracer!!
















No hay comentarios:

Publicar un comentario