Como cada ano, no IES Monte das Moas puxemos en marcha a andadura dos clubs de lectura no mes de outubro, actividade que se propón como fomento do hábito lector do noso alumnado porque inclúe varias das condicións necesarias para motivar aos lectores e lectoras destas idades: a posibilidade de comunicación cos seus iguais e a oportunidade de compartir gustos, inquedanzas, significados, emocións e opinións sobre as súas lecturas. E tamén, coma todos os anos, incorporamos profesorado novo para substituir aquel que fai unha paréntese na coordinación desta actividade.
As xuntanzas fanranse nun recreo e nunha aula. Cada coordinador decide en que recreo e tamén en que aula. Tamén cabe a posibilidade de facelo ao mediodía do luns de xeito esporádico, como por exemplo para facer o visionado da película relacionada co libro.
Os grupos que teremos este ano son:
- Un grupo de 1º ESO de lectura en galego.
- Un grupo de 1º ESO de lectura en castelán.
- Un club plurilingüe en 3º da ESO, no que alternarán a lectura de tres obras en tres linguas (galego, castelán, ingles) repartidas nos tres trimestres.
- Un grupo de lectura en 3º PDC.
- Un grupo de lectura en 4º da ESO en castelán.
Pero sen dúbida, a novidade máis importante neste curso é a creación dun Club de lectura de adultos en galego que formou a nosa compañeira Mar Hermida. A idea inicial que tivo foi tentar un club de pais de alumnos, pero o resultado non foi o esperado e mudou a idea para facelo entre os compañeiros do centro. A verdade é que tivo unha excelente acollida, posto que somos 15 os participantes, profesorado de ciencias, de letras e tamén excompañeiros xa xubilados.
Imos aló. Que vos divirtades lendo!
No hay comentarios:
Publicar un comentario