viernes, 21 de febrero de 2014

Comentario
Club de lectura “Lecturas rebuldeiras”
Lectura do 1º trimestre – 2013/2014

Por fóra son novelas policiais e por dentro contos de amor a unha terra

Comentario da obra:  A Praia dos afogados,
                                         do escritor  galego  DOMINGO VILLAR.


É unha obra con moitísima intriga, entretida, que xogará coa opinión de quen a lea e deixándolle coa boca aberta grazas a un incrible e inesperado final. Despois de ler esta emocionantísima obra, eu “coñecín” ao que agora é o meu detective favorito, o protagonista  desta historia. Leo Caldas é o detective que coa axuda de outro, Rafael Estévez, resolve un caso no que a vítima é un home que morre afogado nunha praia de Vigo. Para min, é o personaxe máis interesante e o que máis se interesa por resolver o caso, e aínda que conta con moitos problemas familiares, estes non son impedimentos para que Leo faga o seu traballo o mellor posible.

Outro factor favorable, que é fácil e rápido de ler, aínda que contaba coa axuda de meu corazón que se aceleraba cada vez que vía a palabra “Vigo”, as ganas que tiña de visitar esa fermosa cidade eran cada vez maiores, ían en aumento grazas á boa crítica que o escritor facía, e non só polos mínimos detalles que dicía (que sen dúbida pertenecen a Galicia), tamén polo ambiente único que se respira na nosa nación e que Domingo representa moi ben neste libro. É unha novela que eu recomendaría a calquera persoa xa que a historia é impactante e sería algo especial que todos puidesen saber o orgullosa que estou da miña cidade, xente e lingua.

Como conclusión, gustaríame recomendarlles esta novela a todos, xa que como di o título deste artigo, non só é unha historia na que dous homes descobren quen é o asasino de Xusto Castelo, no seu interior garda un ambiente incrible que cambiará a forma de ver aos galegos e as terras que nos rodean.

Outro dos motivos é, como xa dixen, que é moi fácil de ler e vos deixará cunha enorme expectación ata o final. Sen dúbida, se credes que as novelas policíacas non vos gustan é porque aínda non lestes “A Praia dos afogados” . Por último, dicirvos que Domingo Villar é un escritor fabuloso que merece a pena coñecer porque emociona con cada palabra que escribe. Recomendo esta novela a nenos, nenas, adolescentes, adultos…, en definitiva, a todo o mundo.    

SARA BRAVO PRADO - 1º BACH. B



No hay comentarios:

Publicar un comentario